martes, 22 de febrero de 2011

A NOSA TERRA dous irmáns facendo banda deseñada

Páxina de 'O Burato do Inferno'

Dous irmáns facendo banda deseñada
Ramón Trigo é un narrador de imaxes, que se atopa igual de cómodo tanto na ilustración coma na banda deseñada. “O que me interesa cando traballo nun proxecto no que teño que narrar unha historia con imaxes é atopar a linguaxe máis apropiada para ese proxecto en concreto”. Dos últimos libros ilustrados por Ramón figuran O pirata pata de lata, Capitán inverno, Aníbal quere encoller, Santos e defuntos O pintor do sombreiro de malvas, entre outros. Asemade, a traxectoria artística de Ramón está recoñecida co galardón Eixo Atlántico de Pintura e o Premio Internacional de Álbum Ilustrado Cidade de Alacante.
A súa andaina como debuxante de cómics comeza na década do 1990 co álbum Remolcamadriña ( I, 1997 e II, 2001) e Fume (1999, Premio Deputación de Cuenca). O grafismo viñeístico continuaría co relato breve autoconclusivo Vitapakouras (2005) en BD Banda nº6, Historias dos nenos sobrenaturais(2007) e O Burato do Inferno, que será o primeiro que realiza xunto o seu irmán Xosé Manuel como guionista e sae publicado. Ramón Trigo pensa que “non hai máis que achegarse ás librarías especializadas para decatarse que estamos nun moi bo momento creativo en Galiza. Con máis autores ca nunca no mercado e cunha calidade que xa están apreciando fóra”.
Xuntos tamén asinaron no 2009 o proxecto Kartoffel –pataca en alemán– finalista no Premio Castelao dese ano, que estaba prácticamente rematado. “Pero tras o certame –recoñece Ramón– revisamos a historia e decidimos desenvolver máis algún dos personaxes. Agora estamos a traballar nel e pensamos que será o próximo que saquemos”. Nas páxinas de Kartoffel fluirán submarinos nazis e o contrabando do wolframio. Será “unha historia –apunta Xosé Manuel– sobre a traizón, o valor e a honestidade que transcorre na posguerra. Recorda a connivencia do rexime franquista e a Alemaña nazi. Está ambientada nas minas do wolfram e na ría de Vigo durante a II Guerra Mundial”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario