viernes, 4 de marzo de 2011

RAQUEIROS (Piratas de terra)

IGAS, TRASNOS E ENFEITIZOS

A piratería agochada

01.07.2007 O naufraxio do Trier provocou, nos tempos dos nosos tataravós, o mesmo impacto que as traxedias do Urquiola e do Mar Exeo na nosa época

LUÍS GIADÁS

TRAXEDIAS Espectacular instantánea do afundimento do ‘Urquiola’ fronte ás costas galegas
TRAXEDIAS Espectacular instantánea do afundimento do ‘Urquiola’ fronte ás costas galegas
Fagamos un alto no camiño, que os nosos fieis lectores saberán desculpar, no noso percorrido pola historia da piratería e por aqueles máis sonados nomes que se atopan vinculados á nosa tradición e á nosa terra. A semana anterior era o grande Drake, heroe ou vilán segundo quen escriba a súa historia, pero grandioso personaxe do mar que quedaba ás portas da vila coruñesa no seu ataque en 1589 ante o faro herculino, en Punta Herminia, e onde aparecerá precisamente un dos máis históricos personaxes da crónica coruñesa, cal é a glorificada María Pita, salientable defensora da integridade da cidade e contraditorio nome polo seu intenso avatar. Mais , hoxe, lonxe de esquecer esas narraccións queremos aclarar algunhas dúbidas que algúns autores nos formularon acerca do tema da "piratería".
E partamos dunha clara idea; o concepto de piratería vai depender exclusivamente de onde sexa aplicado, en que tempo, por que sociedade e con que intereses. Volvendo ao grande Drake, para nós é indubidable que é un pirata, para a Inglaterra da época e de agora, un gran mariñeiro que serviu fielmente os intereses da Coroa e que naturalmente isto lle reportou pingües beneficios. Por outra banda fálase de piratería e acódese con demasiada frecuencia á cuñación dun termo, o dos raqueiros, que fala dos piratas de terra, aqueles que –incluso segundo a lenda negra que sitúa especialmente os raqueiros na Costa da Morte, en semellanza a unha manifestación típica das zonas costeiras atlánticas– aproveitaban as desgrazas da navegación para saquear as mercadorías que levaban estes buques. Moitos exemplos deste labor, ou desta manifestación temos presentado nesta mesma sección, e entre elas lembrarán moi especialmente o intenso seguimento que fixemos da traxedia do Trier acontecida a comezos do século pasado.
O naufraxio do Trier provocou, nos tempos dos nosos tataravós, o mesmo impacto que as traxedias do Urquiola e do Mar Exeo na nosa época: durante todo aquel verán de 1902, forasteiros e nativos, encamiñábanse cara á Cala do Burro, intensificándose esta romaría os días festivos, e moi especialmente desde que xurdira a curiosidade morbosa que producira a refrega entre os carabineiros do cabo Manuel Vázquez e os mariñeiros da ‘San Francisco’... xa se sabe que o sangue sempre atrae a imaxinación do vulgo, daquela –sociedade maioritariamente analfabeta– coma agora sociedade inutilmente culturizada, mal chamada globalización e información da tecnoloxía…
Pero a traxedia do Trier, ademais de alimentar algúns, famentos moitos deles, que acudiron á rapiña, non sen antes cumprir co debido respecto as superviventes e aos mortos, tamén determinou que moitos aproveitaran para o seu peto aquela traxedia (como acontecerá con tantos e tantos naufraxios). E así o recoñecía, ironicamente, o agudo reporteiro Julio González no xornal da época: "O Trier, steamer da Lloyd North deu de comer a moita xente. Gañaron o seu quiñonciño (o salabardo, é dicir, a porcentaxe dos mariñeiros) os buques empregados no salvamento; sacaron partido –e bo, por certo– as tabernas portátiles, poñendo polas nubes os prezos dos bolichesd (gasosas), sardiñas e morapios (tintorros); fixeron o seu agosto neste mesmo mes de xullo os "chambóns" (revendedores, xeralmente instalados no Campo da Leña, actual praza de España) madrugadores. Houbo para todos. E agora que, polo visto, non dá máis de si o infeliz vapor, que comeza a tender un veo sobre o pasado, xorden os comentarios, animados, maliciosos, e apúntase co dedo a moitos dos que sacaron daquelas penas de Deus máis zume que se fosen materia doada de espremer. Mais a súa malicia afina de tal sorte a puntería que é doado que lles dea que facer a respectables funcionarios da orde xudicial, sequera non sexa máis que para investigar. Houbo moitas persoas, ás cales atraeu o navío encalado, unhas por comenencia e o resto por curiosidade. Entre estas, algunhas botaron de ver a constancia co que nos traballos de salvamento interviña un funcionario da xustiza, chegando a crer que tiña máis interese que os da Casa comercial e, se cadra, non perdese nada con isto, podendo traducirse as conxecturas que moitos dos efectos salvados irían atopar seguro asilo no domicilio do aludido. Deus nos libre de maliciar nada, aínda que, coma é sabido, nestas ocasións o río revolto a todos dá ganancia, mais é o caso que os comentarios soben, soben coma a marea e que a sona lle adxudica a ese personaxe parte moi respectable no botín"… Outras formas de piratería que non se contemplan…
Como piratas eran os chamados legais ou de corso, amparados polos estados ou perseguidos polas autoridades, pero vinculados todos eles a unha mesma finalidade: obter ganancias nun lucrativo negocio. Un oficio que nada tiña que ver co mito romántico debuxado nas novelas decimonónicas ou difundido a través do cine americano.
Piratas legais
Historias fascinantes en todo caso como a de Juan de Villarois, un ribadense que coa súa embarcación (‘La Esperanza’) serve a varias bandeiras presumindo de afundir a máis dunha ducia de barcos rivais, despois de saquear as súas adegas. Imaxes intensas como a que narra a Xeografía de Galicia de Carreras Candi e na que se nos presenta o mítico Antón de Garay, ou de Plascencia ou de Gamínez (que por todos eses nomes era coñecido), un dos piratas sonados do XVI que lembra a apaixonante vida do noso senlleiro pirata da Moureira...
E así resume a historia de Antón de Garay: “Nos primeiros meses de 1509 chega á cidade herculina, onde mercou un lanchón ou gabarra (‘Carretón grande’ como antes era coñecida) que “enderezó e guarnició” pouco despois no porto de Cedeira, da mesma provincia, poñéndolle o “tillado e las berlingas”. En Cedeira tomou a tripulación, na que figuraban biscaíños e galegos, ata uns vinte homes, e de alí viñeron cara a Ribadeo, onde adquiriu o armamento necesario, sen o cal non podería lanzarse ás súas temerarias empresas, entre as que se conta a abordaxe dun navío bretón no porto de Muxía, ou dunha carabela en augas de Fisterra e o de dous navíos no cabo Prioiro, preto da Coruña. Delgado e de boa figura –segundo consta no proceso que se seguiu contra el– era o tal Antón de Garay, quen traía “una toca de tafetán en la cabeza e un puñal barcelonés atrás en la cinta”. O armamento da embarcación –chamada ‘La Trinidad’– foi, como queda dito, adquirido en Ribadeo, e compoñíase dunha lombarda e varios dardos e lanzas que, manexadas por aquela xente de mal vivir, poderían causar maiores danos, de non caer en mans da xustiza, que lle fixo pagar na vila coruñesa, a Garay, coa vida, as súas breves e resoantes piraterías”.
O máis sonado Raqueiro
En canto ós raqueiros bretóns cómpre afirmar que o seu inimigo máis mortal foi Rannou O Forte, Señor de Trélever de Guimaec, a quen, acabado de nacer, a súa nai lle dera a beber dunha caracola mariña chea dun licor semellante ó leite e que lle proporcionara unha forza tan incrible que Rannou aínda non cumprira os nove anos e utilizaba xa, para xogar ás táboas, os grandes peñóns da beira do Douron (procedemento para adquirir fortaleza que lembra a un célebre personaxe de cómic que loitaba contra os romanos na defensa da Galia). Pois ben, o forzudo feudal combateu esforzadamente no mar os ingleses, donos do porto de Brest, naquela Guerra dos Cen Anos, vencéndoos na gran batalla naval fronte ó cabo San Mateo (1403), en nome do duque de Bretaña e do rei de Francia Charles V O Sabio. Nunha noite de tebras, dirixíase Rannou ó porto de Toull an Hénry cando, atraído polos fachos enganosos do Señor de Lingouez (quen exercía alí o dereito de pecio), foi chocar cos perigosos arrecifes de Toull ar Gouez... horrendamente irritado, o xigante –de dez pés de altura– agarrou o saqueador e a toda a súa tropa e botounos por riba de Douron, cruzando coma proxectís unha enorme distancia, esnafrándose contra os cantís.
Aínda anoxado, Rannou virou o casco do buque naufragado con toda naturalidade e espetou dun só golpe na rocha o “penn-baz”, unha barra de ferro de máis de quince pés: “Aquel que se achegue a menos de vinte brazas desta barra –ameazou– voulle parti-lo lombo”. Desgraciadamente, pasoulle xa de mozo o efecto da beberaxe máxica e esmirrou coma un vello cando aínda non cumprira os vinte anos, morrendo axiña. Por iso non puido estar presente na decisiva batalla de Azincourt (1415), glorificada por Shakespeare na súa obra ‘Henri V’, que representou o declive da cabaleiría francesa fronte ós arqueiros ingleses, conquistando estes Normandía e París. Pero se Rannou morreu, o certo é que, desde aquel tempo seu, ningún navío se perdeu nos escollos Toull ar Gouez, onde unha baliza aínda leva o nome de Baz-Rannou.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario