sábado, 12 de marzo de 2011
ENTREVISTA Xosé Manuel Trigo Co-autor de “O burato do inferno”
ANA BAENA - VIGO - 12-08-2010
O vigués Xosé Manuel Trigo (1954) involucrouse xunto co seu irmán Ramón Trigo (1965) na realización do ‘Burato do inferno’, unha viaxe literaria que traslada ao lector a localidade de A Guarda a mediados do século XIX. É unha banda deseñada cunha concepción visual e narrativa innovadora, dentro dunha coidada edición de Faktoría Kalandraka. Xosé Manuel, ebanista de profesión, une a súa prosa ás ilustracións de Ramón, o deseñador, para ofrecer un cómic creador de tendencias, que onte se mostrou no salón coruñés Viñetas desde o Atlántico e hoxe estará no Museo do Mar de A Guarda.
Horas antes da súa presentación oficial, o maior dos irmáns, Xosé Manuel, desvelou para este medio o que hai tras ‘O burato do inferno’. Este é o seu primeiro libro, cómo xurde a oportunidade de traballar co seu irmán? Era un proxecto que levabamos maquinando dende hai anos e por fin nos sentamos a facelo. Traballamos moi ben xuntos porque Ramón, pese a ser un artista, é un chico moi sinxelo. O certo é que re sultou moi gratificante. Nesta proposta a forza das ilustracións imponse en moitas ocasións ao texto. Quixemos crear un ritmo cinematográfico cunha estética moi visual. A historia adecúase totalmente ao debuxo, polo que contamos cun relato fráxil e evitamos recalcar con texto o que xa conta a imaxe. O debuxo semella reproducir un ambiente pantasmal. Buscamos transmiti-lo espírito dunha época dominada pola fame, onde o contrabando estaba ben visto por pura necesidade. Así, os debuxos son dunha grande sinxeleza e ao tempo dunha extraordinaria complexidade ao seren creados unicamente co trazo dun lápiz. As localizacións e os personaxes son reais, e a historia? Saen persoas que existen e que son amigos nosos, pero dando vida a personaxes ficticios dunha historia imaxinaria, pero que puido ter acontecido nunha localidade fronteiriza, onde se practicaba o contrabando. Os lugares son semellantes aos reais de A Guarda, modificando se cadra algunha distancia ou detalle. Qué proceso de creación seguen para emparellar texto e imaxe? Primeiro elaboro o guión, que despois discutimos e retocamos. Deixamolo enfriar un pouco para retomalo finalmente. Sempre é a ilustración a que marca as pautas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario