viernes, 14 de enero de 2011

A NOSA TERRA

EPORTAXE DE ALFREDO PARDO
'O Burato do Inferno', saqueadores das rochas
Alfredo Pardo .  O cómic 'O Burato do Inferno' (Faktoría K) é obra dos irmáns Xosé Manuel Trigo e Ramón Trigo. Unha historia en formato de novela negra con tintes expresionistas sobre a práctica de pirataría costeira de saqueo de barcos no século XIX. Unha historia de gran profundidade narrativa debuxada con sabedoría.
Reloxo 14.01.2011 | 09:40
Ilustración da capa de 'O Burato do Inferno'Ilustración da capa de 'O Burato do Inferno'. Ramón Trigo

Co fondo negro da morte e sobre ela unha branca caveira con dúas tibias cruzadas, a bandeira que ondeaba nas travesías sanguentas do barco A burla negra detense nunha chuviosa mañá do 25 de xaneiro de 1830. A xustiza británica, representada en forma de soga, agardaba o pescozo do capitán Bieito Soto Aboal. Xa no dintel da forca e tras unha sonora gargallada, o derradeiro pirata galego despídese cun “adeus a todos”.
Os corsarios e a pirataría de mar íanse extinguindo coa expiración dos últimos executados. Pero os soños de riquezas e tesouros por imposición de sabres, mosquetes e machadas das mil falcatruadas dos bucaneiros, atoparían nos raqueiros os seus mellores substitutos nas artes do saqueo. O bandoleirismo marítimo transfórmase en terrestre.
Os raqueiros, auspiciados por caciques e terratenentes, tiñan un modus operandi tan sinxelo coma efectivo. Nas noites de tempestade, cando o mar estaba bravo, ataban os cornos dos bois con fachos ou candís. Co movemento das bestas creaban falsas referencias lumínicas. Dende o barco pensaban que outra embarcación se aproximaba e manobraban cara á costa, onde encallaban nas rochas. Cando o navío estaba inmobilizado, os piratas celtas de terra asaltaban e roubaban as mercadorías. Nestes anegamentos ocasionados polos raqueiros e nas abordaxes que facían non soían deixar testemuñas. O sangue corría igual que as porcentaxes que tiñan os caciques polos “dereitos de naufraxio”.
Falar dun tempo escuro e opresivo
Na novela gráfica O Burato do Inferno (Faktoría K de libros, 2010) flúen mananciais de pinturas negras goiescas da paleta de Ramón Trigo e o valor narrativo da mente de  Xosé Manuel Trigo. Un proxecto que xorde das conversas entre dous irmáns sobre cine, literatura, banda deseñada “e a afección común que temos polas historias de aventuras en xeral e da pirataría en particular –sinala Ramón–, co desexo de narrala cunha óptica distinta e cun acercamento ao tema da pirataría máis realista do habitual”.
En canto á metodoloxía lingüística, O Burato do Inferno nace como unha película de piratas, “que se desenvolve na Guarda, –apunta Xosé Manuel–. Reflexiona sobre a delgada liña que separa o ben do mal. É unha historia arraiana, alimentada de contos que escoitamos dende rapaces, sobre o contrabando no río Miño e o costume de ir á praia (as rochas) a recoller os restos que devolvía o mar despois dun temporal”.
Xosé Manuel sempre formula o guión en forma secuencial e estruturalizado en viñetas de forma cinematográfica para “transformalo a banda deseñada”. O feito de que Ramón sexa un gran ilustrador foi definitivo. En canto os persoaxes, son imaxinarios pero os nomes e os lugares son reais.
O mesmo ocorre coa ambientación e localizacións do Burato do Inferno, que se atopa na Illa de Ons, onde “o que fixemos –sinala Xosé Manuel– foi trasladalo ás Illas Cíes e retocar o porto da Guarda, porque para nós a coherencia do relato era o máis importante”. Como curiosidade tamén está o nome de Bieito, o pai do protagonista, que coincide tamén co pirata galego Bieito Soto e tamén con Bieito Romero, membro do grupo musical Luar na Lubre, que teñen unha canción adicada ós raqueiros. “Aínda que si hai unha referencia a Bieito Soto, o pirata, todos os nomes son da xente da zona da Guarda, –afirma Ramón Trigo– onde está ambientado o relato”.
Na portada d’O Burato do Inferno podemos ver o raqueiro transformado nun expresionista vampiro galego. Unha subespecie de Nosferatu mariñeiro coa intensidade das siluetas e as masas cromáticas en tons escuros do lapis e carbón, recreando unha densa atmosfera. “As ilustracións en branco e negro –apunta Ramón Trigo– con moitas sombras danlle á historia o ambiente oscuro e opresivo que buscabamos”.

Páxina de 'O Burato do Inferno'
Páxina de 'O Burato do Inferno'
Páxina de 'O Burato do Inferno'
Imaxe da capa de 'O Burato do Inferno'
Dous irmáns facendo banda deseñada
Ramón Trigo é un narrador de imaxes, que se atopa igual de cómodo tanto na ilustración coma na banda deseñada. “O que me interesa cando traballo nun proxecto no que teño que narrar unha historia con imaxes é atopar a linguaxe máis apropiada para ese proxecto en concreto”. Dos últimos libros ilustrados por Ramón figuran O pirata pata de lata, Capitán inverno, Aníbal quere encoller, Santos e defuntos O pintor do sombreiro de malvas, entre outros. Asemade, a traxectoria artística de Ramón está recoñecida co galardón Eixo Atlántico de Pintura e o Premio Internacional de Álbum Ilustrado Cidade de Alacante.
A súa andaina como debuxante de cómics comeza na década do 1990 co álbum Remolcamadriña ( I, 1997 e II, 2001) e Fume (1999, Premio Deputación de Cuenca). O grafismo viñeístico continuaría co relato breve autoconclusivo Vitapakouras (2005) en BD Banda nº6, Historias dos nenos sobrenaturais(2007) e O Burato do Inferno, que será o primeiro que realiza xunto o seu irmán Xosé Manuel como guionista e sae publicado. Ramón Trigo pensa que “non hai máis que achegarse ás librarías especializadas para decatarse que estamos nun moi bo momento creativo en Galiza. Con máis autores ca nunca no mercado e cunha calidade que xa están apreciando fóra”.
Xuntos tamén asinaron no 2009 o proxecto Kartoffel –pataca en alemán– finalista no Premio Castelao dese ano, que estaba prácticamente rematado. “Pero tras o certame –recoñece Ramón– revisamos a historia e decidimos desenvolver máis algún dos personaxes. Agora estamos a traballar nel e pensamos que será o próximo que saquemos”. Nas páxinas de Kartoffel fluirán submarinos nazis e o contrabando do wolframio. Será “unha historia –apunta Xosé Manuel– sobre a traizón, o valor e a honestidade que transcorre na posguerra. Recorda a connivencia do rexime franquista e a Alemaña nazi. Está ambientada nas minas do wolfram e na ría de Vigo durante a II Guerra Mundial”.
Vento negro na noite mariñeira
A novela negra que é O Burato do Inferno conforma unha expresión simbólica de sentimentos e emocións, con gran forza psicolóxica e expresiva. Viñetas angustiosas, medos subxectivos cun recurso estilístico de sobresaturación nas liñas cinéticas enfáticas, que lle proporcionan nas ilustracións unha dinamicidade dos movementos. Transmitindo arquetipos de representación na súa visualización o máis puro estilo expresionista. As variadas opcións narratoriais configuran e simplifican os iconemas nunha linguaxe visual de coherencia estilística e metáforas visualizadas. Cada viñeta d’O Burato do Inferno coexiste cos signos de dramatización e de linguaxe literaria conseguindo imaxes de conxelada instantaneidade.
A semioloxía das sutís viñetas d’O Burato do Inferno teñen un constante e violento contraste tonal en blanco e negro, onde a poesía, a partir das luces e sombras xoga un papel independente dos textos literarios. As inscricións, tanto de carácter descritivo coma narrativo, van separadas das ilustracións na maioría das páxinas. Son menos as viñetas onde aparecen globos. Isto confírelle ao cómic audacia interpretativa ao mesturar viñetas romanceiras, con cadriños de cego, texto a pé de viñeta ou fóra dela. Toda unha sinfonía de lirismo gráfico que nos recorda as primitivas historias debuxadas tipo-litográficas dos primeiros cómics publicados na prensa do século XIX.
Un segredo que non vai á sepultura
Ao adentrarnos nesta greta infernal, atopamos a toda páxina un antigo mapa das Rías Baixas cunha solitaria rosa dos ventos. Ao seu carón, un breve texto introdutorio para unha viaxe iniciática que comeza na Guarda en 1858. Unha solitaria viñeta centrada en plano xeral da illa de San Simón e unha barca que servirá para o encontro vital entre un pai –Bieito o Lindo–  e un fillo –Xosé. O intento de rachar cun fronteirizo pasado emocional dun pai endurecido pola miseria e a fame, que abandonou a súa muller cando a preñou e desapareceu durante anos, despois de exercer de raqueiro e contrabandista na fronteira con Portugal.
A pesar de que enviou cartos para o sustento e manutención do seu fillo, o desprezo que sentía Xosé sobre Bieito aínda perduraba. Hai feridas que tardan en cicatrizar, por iso lle custou tanto traballo ao párroco don Elías convencer a Xosé para que acudise á chamada dun pai retornado da Habana e postrado na cama moribundo. Nun silencio sepulcral abre a porta unha ama de chaves que baixo a luz dunha candea conduce os dous homes ao apousento de Bieito.
O crucifixo que ten por riba da cama non é quen de calmar a súa negra alma. Nin sequera a petición de confesión que lle fai a don Elías nin a presenza do seu fillo Xosé. Quizais a súa propia liberación espiritual e a dos seus escarpados remorsos estea na entrega duns documentos e unha misteriosa caixa de madeira onde están “todos os homes que matamos”. O pirata xubilado dita unhas breves instrucións para que o material sexa devolto aos seus donos. Deseguido, dá o derradeiro alento.
Xa de regreso, dende a vigairía, a voz do párroco fai que esperten as letras do diario de navegación doSanta Rosa de Lima baixo a atenta mirada de Xosé, que escoita como en Veracruz “subiu a bordo don Xosé Ozores Puga para solicitar o envío dun baúl e os documentos de propiedade do pazo que posúe no Rosal para que sexan entregados na man, como agasallo de voda á súa sobriña Isabel”. As viñetas líquidas somérxense na marea mentres continúa a lectura do diario onde revela que cunha forte tormenta “…abriuse unha vía de auga no costado de babor que me obriga a buscar refuxio na costa”.
Os raqueiros comezan a moverse entre as sombras. As ilustracións descompóñense en distintas fases de movemento con posterior encadeado no naufraxio do barco nas rochas da Guarda. A brutal abordaxe dos raqueiros en distintas secuencias figurativas onde podemos ver un xovial Bieito aproximándose coitelo en man ao ferido capitán do navío, que lle fai entrega dun paquete e uns manuscritos que garda celosamente para que ningún dos seus camaradas se decate. Mentres cargan as mercadorías na barca pirata, acoden coma lobos “mulleres, rapaces, vellos e cans que se abalanzan enriba de calquera cousa que se achegase ás rochas”.
A barca pirata chega a unha illa e adéntrase na greta do Burato do Inferno, que era onde agochaban os botíns. Despois de pagar a cada raqueiro, quedan sós o Portugués e Bieito. Tras unha forte discusión, comeza unha pelexa que remata cunha morte. E aquel alixo manchado de sangue “marcaría para sempre a súa faciana e a súa alma…” O cadaleito fai unha viaxe polo burato infernal cando o tira sen miramentos. Despois de abrir o paquete o que ve déixao abraiado e rápidamente introduce todo nunha caixa de madeira e escóndea nun burato cuxa ubicación só sabe el.
As cicatrices do tempo
Xa cunha gran cicatriz na faciana –delatadora do paso do tempo–, un solitario e sombrío Bieito entra na tasca do porto a tomar unha cunca de tinto. Pero unha inesperada e macabra visión da ánima do Portugués dille: “Teño o frío da morte”. Sae correndo espavorido. Preso do seu propio tormento, as ondas do mar materialízanse en pantasmas e os defuntos das súas falcatruadas invádeno até o punto de tolear. Implóralle a Deus que o libere desa mágoa interna, mentres sofoca estes medos co viño. Vendo que a ambición do patrón don Manuel non tiña límites, embárcase n a ruta da Habana, onde malviviría 20 anos.
A voz do párroco segue narrando unha historia silenciada: “Meu fillo, quero que me axudes a repousar en paz” pedindo que enmende as familias das vítimas do Santa Rosa de Lima. E Xosé comeza a facer realidade os desexos do pai. Unha noite preguntoulle á unha mesoeira por dona Isabel Ozores, a muller do avaricioso Manuel Bárcena, xefe dos raqueiros na comarca do Baixo Miño. Pero na sombra atopábase cos ouvidos afiados o Paxaro, un dos informadores de Bárcena, que ao galope se dirixe ao Pazo do Rosal a notificar as novas. O cacique ordénalle que o siga.
A cita de Xosé con Isabel e a súa filla no paseo da praia para relatarlles sobre o naufraxio do Santa Rosa, deixou desconcertado a Xosé pola total ausencia de interese ao non querer a señora remover o pasado. Camiñando perto do cemiterio, o Paxaro –por ordes do cacique– espérao no recanto para matalo. O pasado de Bieito abre gretas que algún desexaría estivesen seladas: “Mais o destino reserváballe un desenlace inesperado”.
Nun encadre subxetivo, a vista de paxaro, vemos a Xosé observando o Burato do Inferno. O destino de ter que seguir os mesmos pasos dun raqueiro. A tortuosa proxección de realizar esa viaxe á inversa, a de recoller o tesouro dun pai raqueiro. A complicidade fragmentada duns comprometedores documentos. O desexo dunha irrealidade emocional e o rumbo impredicíbel da materialización dramática dun cacique apuntándolle á testa do Xosé. O paradoxo final dun mitolóxico burato inquietante e sonambulista con vida propia; a traxedia mira ao baleiro unha vez máis.
www.anosaterra.org

No hay comentarios:

Publicar un comentario