BANDA DESEÑADA SOBRE RICARDO MELLA
O respectado señor anarquista
Daniel Salgado
11 Abril 2018 07:36 h.
O seu
enterro en 1925 foi unhas das manifestacións públicas de dó máis
descomunais das que se lembran en Vigo. Os tranvías pararon. Adversarios
e inimigos renderon homenaxe. E o pobo tirou os chapeus. Morrera Ricardo Mella Cea, “pensador de primeira orde” e o anarquista galego de maior envergadura. Ricardo Mella. O home novo é a novela gráfica que, da man de Xosé e Ramón Trigo, repasa unha vida ao servizo da emancipación das clases populares.
A súa conversión política finisecular tiña orixe nun conflito. O que o enfrontou, con apenas 20 anos, ao político canovista e marqués José Elduayen. Unha condena a máis de tres anos de desterro expulsouno de Galiza. Neses anos descubriu a política anarquista, aprobou oposicións a topógrafo e percorreu media Península Ibérica. Por caso, Andalucía, onde as loitas contra o latifundio o marcaron.
Ao seu regreso a Vigo, encargáronlle a construción do tranvía. Traballou no tendido do camiño de ferro na zona de Pontevedra. E chegou a dirixir a compañía do tranvía. “A súa extraordinaria relevancia social borrouse coa Guerra Civil e a represión posterior”, considera Trigo, “eis a causa do pouco recoñecemento actual da súa figura”. E as polémicas que, a día de hoxe, aínda marcan o mundo anarquista.
“Era un home moderado, contrario á violencia”, engade, “e a súa posición na I Guerra Mundial foi moi discutida”. Mentres a meirande parte das organizacións proletarias europeas -as socialistas e as anarquistas- rexeitaron apoiar os respectivos gobernos estatais, Ricardo Mella, no esteiro de Kropotkin, apostou pola intervención. “Vían detrás a man dos fascismo”, di. As discusións foron tan duras, agres, “que comezou a se apagar”.
Estética escura
Ramón Trigo (Vigo, 1965) transportou o roteiro sobre a vida e a obra de Mella -amais de organizador e home de acción, foi un dos grande intelectuais libertarios- a debuxo. “Documenteime moito sobre a época, recompilei imaxes, procurei recrear a atmosfera, aquela España negra do século XIX”, expón, “e o resultado é unha estética moi negra, moi escura”.
O segundo dos Trigo -os autores son irmáns- comparte con Mella e con Xosé ideas anarquistas. “Aínda que nunca militei”, puntualiza. Trazar a branco e preto a experiencia biográfica dun pesoeiro “moi importante e moi esquecido” foi o terceiro traballo conxunto da parella. No Burato do inferno (Faktoría K, 2010) trataran dos raqueiros, piratas de terra que facían naufragar barcos na ría. E en Lobada (Deputación da Coruña, 2016), dos nazis en Vigo.
“As nosas obras están ambientadas en Vigo e arredores”, afirma, “tamén esta sobre Ricardo Mella”. Que presentan esta sexta feira, 13 de abril, na Escola de Artes e Oficios de Vigo, “coa familia Mella, autoridades, sindicatos”. “Na escola deu clase Urania Mella, a filla de Ricardo”, lembra Xosé Trigo. A Urania Mella fusiláronlle o compañeiro e ela mesma foi condenada a 30 anos de cadea en 1936. Cumpriu oito anos. Saiu un mes antes de morrer.
Ricardo Mella. O home novo conta con edición en galego e en castelán. A fundación Aurora Intermitente, dedicada á difusión da idea libertaria e con sede en Madrid, atópase por detrás da publicación. A banda deseñada está dedicada por Xosé Trigo aos compañeiros que “no ano 1974 reconstruíron a CNT en Vigo”.