Na segunda Guerra Mundial, Galiza tivo un papel importantísimo por dous motivos:
Por unha parte a súa situación xeo-estratéxica respecto as rotas marítimas no Atlántico e as
súas rías que serviron de acubillo de submarinos, mercantes, redes de telecomunicación…
Por outra ao cortarse as comunicación terrestres con China e Corea despois da invasión nazi
da URSS , centros produtores do wolfram, fixo que Galiza posuidora do 90 % do mineral
wolfram no Estado Español, fóra un elemento fulcral para o aprovisionamento deste mineral
esencial para o tratamento do aceiro na industria armamentística (Bombas, proxectís,
blindaxes,…).
Estes elementos fixeron de A Coruña e Vigo auténticos niños de espías dos dous bandos,
propiciando numerosas historias de contrabando, estraperlo, crimes,… centradas ao carón
destas dous cidades e dos máis importantes núcleos de poboación das minas onde se extraía
o wolfram.
Lobada: Operación Kartoffel, narra baixo o formato de relato ilustrado, banda deseñada,
unha destas historias. Magnificamente ilustrada e documentada debulla un relato no que se
mesturan espías, fuxidos, traizóns, crimes, estraperlo, contrabando…
75 anos despois a historia volta a repetirse, unha veces de xeito dramático para o futuro e
outras de xeito cómico.
Obviamente na era das tecnoloxías da información e comunicación os espías físicos son case
substituídos por outros actores, unha veces polo empresariado transnacional, outras pola
redes caciquís locais, mais no fondo segue a ser o mesmo: a explotación irracional e o espolio
dos nosos recursos mineiros, considerados a día de hoxe tamén de carácter estratéxico:
estaño, wolfram, cobre, tantalita e columbita (o coñecido como coltan), ouro… Precisamente
este último presente en moi pequenas cantidades na franxa que vai de Malpica a Tui, propiciou
unha das loitas sociais máis importantes do últimos tempos: a loita contra a mina de
ouro de Corcoesto.
Tamén se repite a historia da Operación Kartoffel (pataca en alemán), esta vez como unha
ópera bufa titulada “Operación Pataca” contra a corrupción nun concello coas mellores patacas
do país e afectado directamente pola mina de Corcoesto.
E aínda temos que escoitar como a Xunta de Galiza, asumindo o seu papel de perfecto colonizado,
defende a destrución futura do noso país, Galiza é unha mina, din dende A Xunta.
Cabana de Bergantiños, Xuño do 2015