lunes, 4 de febrero de 2013

LUIS TORRAS


Luis Torras, pintor centenario

Manuel Bragado



As reviravoltas da vida permitíronme saber hai uns días que o meu avó, o ebanista Suso "Beleiro", preparou algúns dos marcos dos óleos de Luis Torras Martínez, o pintor centenario, decano dos artistas galegos, co que mantiña amizade. É moi probable que algún deses cadros formen parte da doazón que o artista vigués fixo a súa cidade en 1998, instalada na segunda planta da Casa das Artes. 
Nacido o 29 de decembro de 2012, no número 14 da rúa Alfonso XIII, entre a igrexa de Santiago de Vigo e a Estación do ferrocarril, Luis Torras é fillo dun industrial catalán emigrado a nosa cidade a finais do século XIX, que entre outros negocios rexeu a famosa Cerería San José da Praza da Almeida, que logo se trasladaría á praza da Constitución. Alumno dos Maristas, estudou algúns cursos de Comercio até que, antes dos vinte anos, moi influído polo médico e coleccionista Isidoro Reguenga, xa tiña claro que quería ser artista. En 1935 trasladouse a Madrid para estudar na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, mais o alzamento de 1936 pillouno de vacacións en Vigo, sendo mobilizado no exército de Franco e ferido na fronte norete por dúas balas, unha delas preto do cerebro, o que provocaría para sempre a súa xordeira. Tras ser licenciado en 1941, rematou os seus estudos e obtivo o título de profesor de Debuxo, profesión que exercería, primeiro, en Madrid e máis tarde, dende 1954 en Vigo, na Escola de Artes e Oficios da rúa García Barbón, onde deixou unha importante pegada en varias xeracións viguesas. 
Persoa discretísima, permanceu allea aos ruxerruxes dos círculos artísticos. Pouco amigo de falar da súa vida, desenvolveu unha ampla obra pictórica que ademais de poder visitarse nos museos vigueses, está presente no Museo de Arte Contemporánea de Madrid e en numerosas coleccións privadas. Con escasas exposicións, foi a antolóxica preparada polo Centro Cultural de Caixavigo en 1985, cando xa contaba con máis de setenta anos, a que lle abriu as xanelas do público. Antolóxica que se repetiría en 2008, na Casa das Artes, preparada polo Concello de Vigo, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, coa intención de ampliar con outras 54 obras, o importante Legado Torras, formado por 50 cadros doados e 17 cedidos en réxime de depósito, que con carácter permanente se expón nese edificio.
Probablemente en ambas as dúas antolóxicas recolléronse o que foron os motivos temáticos principais deste pintor singular que evolucionou dende o realismo figurativo de carácter académico a un expresionismo de grande austeridade, que os críticos sitúan achegado ás formas "fauves". Cun nivel de autoesixencia elevadísimo, no que recoñece que destruíu algunha das súas obras que non lle chistaban, cultivou tanto o retrato, a paisaxe, os bodegóns como as escenas populares e alegóricas. Boa mostra deste último tipo de traballo foi o mural que preparou para as instalacións do primeiro Auditorio de Caixavigo, o que nos anos anos setenta funcionaba no edificio central. Alí, coas súas características figuras escultóricas en primeiro plano, presentou unha alegoría das artes da música, do teatro, da pintura e da literatura sobre unha paisaxe na que ao fondo aparecían unha perspectiva de casas escalonadas na beiramar mariñeira, recortándose con pureza xeométrica sobre unha atmosfera transparente, perfil identificable co barrio do Berbés que repetiría en moitas das súas paisaxes viguesas máis coñecidas. A súa técnica moi achegada ao muralismo; a súa pincelada enérxica, firme, sen veladuras; as súas texturas ásperas e arenosas, nas que a súa paleta cromática máis recoñecible son os vermellos, ocres, negros e azuis está tamén presente nos seus magníficos retratos e na súa obra de temática taurina.
Artista metódico, Torras leva pintando diariamente de forma incansable dende hai máis de setenta anos. Confesoulle a Fernando Franco nunha memorable entrevista dominical que se ergue cedo e logo de realizar unha táboa de ximnasia, almorzar e ler o "Faro", traballa no seu estudio toda a mañá coa intención de aproveitar a luz natural, para volver ao traballo unhas horas pola tarde. Cunha humildade abraiante e cunha lucidez futurista, Torras confesa que aprendizaxe é un fenómeno permanente que se produce ao longo de toda a vida. Ten declarado en diversas ocasións que "o marabilloso da pintura é que nunca se remata de aprender", o que lle permite continuar ensaiando novas técnicas e novos produtos, explorando outros temas para ofrecer unha obra aínda máis atractiva e depurada. Unha actitude vital e unha disciplina creativa máis que encomiable en tempos de conformismo como os que vivimos.
Neste ano no que cumprirá os cen anos ben sería que a cidade que tanto ama e continúa pintando lle dedique unha lembranza para sempre no seu rueiro: Rúa Pintor Luis Torras.
bretemas@gmail.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario