martes, 15 de noviembre de 2016

UN OLLO DE VIDRO


sexta-feira, novembro 04, 2016

Elipses e Sombras: Un submarino nazi na ría de Vigo

Lobada

Seis anos despois de O burato do inferno,Xosé Ramón Trigo presentan Lobada, un relato de espionaxe que toma como pretexto o comercio de volframio entre Galicia e a Alemaña nazi durante a Segunda Guerra Mundial.
Os irmáns Xosé Ramón Trigo publicaron en 2010 O burato do inferno, un relato escuro que recuperaba para a ficción a figura dos raqueiros, piratas de terra que provocaban o naufraxio dos buques que circulaban preto da costa para se apropiar da súa carga. A obra tivo unha boa acollida crítica, aínda que a súa repercusión nos medios foi escasa, como adoita acontecer na banda deseñada galega a excepción duns poucos nomes. Con igual discreción está a ser recibido o seu novo traballo, Lobada (Deputación da Coruña, 2016), unha narración ambientada no Vigo de 1943 que xira arredor do comercio do volframio entre as autoridades franquistas da época e unha Alemaña nazi que dependía do mineral galego para manter en marcha a súa mastodóntica industria bélica. A versión que agora ve a luz é a reelaboración dun antigo proxecto chamado Kartoffel co que os autores quedaron finalistas do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2009. 
Nunha equilibrada combinación de elementos históricos e ficticios, os irmáns Trigo imaxinan unha misión de espionaxe que non só ten como obxectivo eliminar as redes de contrabando de volframio senón tamén obter unha fórmula curativa dunha menciñeira do País. Os autores espallan polo texto referencias documentais, algunhas auténticas e outras abertamente falsas, que contribúen tanto a subliñar a veracidade do marco histórico como a reforzar a complicidade co lector. Esta premisa válelles para imaxinar unha ría de Vigo visitada por submarinos alemáns, para retratar a xerifaltes nazis paseando polo porto da cidade e, en definitiva, para incorporar a Galicia a un imaxinario, o da Segunda Guerra Mundial, recreado de forma masiva por ficcións de todo tipo pero inexplicablemente ausente da nosa propia tradición ata hai pouco. Lobada súmase deste xeito a novelas recentes como Febre de Héctor CarréIzan o da saca de Xabier Quiroga ouCabalos e lobos de Fran P. Lorenzo, que tiran do fío da memoria colectiva para amosar un pasado incómodo de conivencia entre a Galicia do franquismo e o réxime nazi. 
Xurdido da escena fanzineira de Vigo dos anos 80, Ramón Trigo é ben coñecido como ilustrador, faceta na que ten obtido recoñecementos coma o Premio Isaac Díaz Pardo ou o Premio Lazarillo. Debuxante conciso e excelente narrador, caracteriza o seu estilo unha falta de definición deliberada, próxima ao bosquexo, que lle confire ás súas pranchas unha peculiar capacidade evocadora. Trigo levaba ao extremo as súas claves artísticas en O burato do inferno, onde se valía de enormes masas negras para retratar a Galicia bretemosa do século XIX, antes da chegada da luz eléctrica. En Lobada aquel negror expresionista é substituído por tons ocres máis acaídos para retratar un Vigo que se abría á industrialización tras a Guerra Civil. É a única diferenza salientable co seu traballo anterior. Mantense a concisión verbal, a redución do texto ao mínimo imprescindible para descansar o peso narrativo no debuxo. A forte personalidade artística deRamón Trigo termina por apropiarse do relato por completo.
Con só dous títulos elaborados en conxunto, os parámetros creativos delimitados polos irmánsTrigo comezan a estar ben definidos. Por unha banda, é moi clara a súa vontade de procurar na nosa historia un contexto suxestivo no que ambientar os seus relatos. Se detrás desa elección hai un propósito divulgativo, este semella estar encamiñado a ofrecer unha imaxe de Galicia afastada dos tópicos da docilidade e a submisión ao poder. Os protagonistas de O burato do inferno e deLobada son raqueiros, contrabandistas e fuxidos, xentes que habitan nas marxes da sociedade, que infrinxen a lei para a súa supervivencia ou se rebelan contra un poder inxusto. A Galicia dos irmáns Trigo é unha terra dura habitada por xente brava, un territorio propicio para a intriga, a aventura e tamén para a reflexión acerca do noso propio pasado.